As instalacións dan a coñecer aos visitantes a vida últil de produtos e residuos e o seu posterior tratamento, intentando promover ao mesmo tempo hábitos positivos de consumo. Para iso, o persoal da Aula ofrece información, itinerarios guiados polo seu interior e unha proposta de actividades adaptada á idade dos visitantes e ao tempo do que dispoñan. Todas as propostas son gratuítas, co obxectivo de contribuír á conservación do entorno reducindo, reciclando e reutilizando os residuos. ¿Horario de apertura? De martes a venres, de 10.00 a 16.00 horas, e as fins de semana de 11 a 14.30 horas. Os luns as instalacións permanecen pechadas.
Nestas visitas, ademais de coñecer as instalacións e realizar un percorrido polos paneis informativos e elementos didácticos da aula, pódese participar nunha ampla oferta de actividades (un total de 22). Entre os seus obxectivos figura motivar aos nenos mediante xogos para captar a súa atención respecto a valores medioambientais, dar a coñecer a importancia do lixo e do proceso de separación dos residuos, coñecer os riscos que conlevan os residuos produto das actividades humanas acumulados nas praias ou concienciar aos rapaces da importancia do respecto ao medio ambiente. A través destes obradoiros tamén se persegue diminuír a cantidade de lixo xerado a través da reutilización e a reciclaxe, reflexionar sobre a cantidade de embalaxes innecesarios que empregamos na vida cotiá ou o establecemento de criterios de aforro e selección de embalaxes.
O programa de actividades propostas nesta nova edición de Reciclaterra é o seguinte:
Obradoiros e xogos medioambientais | Destinatarios |
Animais de refugallos | Infantil, Primaria |
Imos separar | Infantil, 1º ciclo de Primaria |
¿Xogades? | Infantil e Primaria |
Anda con ollo | Infantil, 1º ciclo de Primaria |
Obxectos estraños da natureza | Infantil, 1º ciclo de Primaria |
Necesito un alento | Infantil, 1º e 2º ciclo de Primaria |
Reciclaxe de papel | Infantil, Primaria e 1º ciclo de ESO |
A banda dos residuos | Primaria, 1º ciclo de ESO |
Pasapalabra dos residuos | 2º e 3º ciclo de Primaria, Secundaria |
A xeografía dos residuos | 3º ciclo de Primaria, Secundaria |
Consumo e residuos sólidos urbanos | 2º e 3º ciclo de Primaria, Secundaria |
¿Cal é o mellor residuo? | Secundaria |
Dime que tiras e direiche quen es | Secundaria |
A solución menos mala | Secundaria |
Vídeos: os animais salvan o planeta | Infantil, Primaria |
O mural dos residuos: as especies inanimadas das cidades | Primaria |
O xogo do pano | Primaria |
Carreiras por residuos | 2º e 3º ciclo de Primaria |
A oca dos residuos | Primaria |
Menos é mellor | 2º e 3º ciclo de Primaria |
A paella dos residuos | 2º e 3º ciclo de Primaria |
Trala pista do aluminio | Secundaria |
Para participar na oferta de obradoiros, dirixida aos escolares de Educación Infantil, Primaria e Secundaria como complemento do ensino regrado, así como a todos aqueles colectivos que estean interesados en realizar actividades medioambientais, é preciso que un responsable do centro contacte previamente co persoal da Aula para establecer os contidos e as condicións da visita, a súa data e duración. Poden facelo a través do correo electrónico reciclaterra@gmail.com ou do número de teléfono 630 969 763.